
Tirando pola Lingua é unha festa a prol do galego que mestura teatro, maxia e música para tirarvos da lingua, da nosa lingua. Despois de anos promovendo combinados e producindo espectáculos a prol do galego, vemos aínda unha grande escaseza de propostas deste tipo que poidan adaptarse a diferentes públicos; por iso nos decidimos a crear un espectáculo cunha estrutura atractiva, coidada e cunha uniformidade estética e temática.
Espectáculo con sete vogais creado para promocionar e dar prestixio ao galego a través do humor e das artes.
Tirando pola Lingua é un proxecto que, baixo unha dirección, mensaxe e guión común, une no seu desenvolvemento varias das mellores pezas a prol da lingua dos últimos anos. Un percorrido con variantes dialectais, que se adapta para cada ocasión en función do público e lugar de representación.
Un proxecto para todos os públicos, que se pode orientar cara determinadas audiencias: infantil e familiar, xuvenil ou adulta. Tirando da Lingua para falarmos sen medo, falarmos sen parar, falarmos en galego, falarmos por falar.